martes, 4 de julio de 2017

Un título para o souto de Novoneyra

Entran na guía de árbores senlleiras os castiñeiros favoritos do autor de «Os Eidos»

MONFORTE / LA VOZ 04/07/2017 05:00 H

Entre os seus castiñeiros varias veces centenarios correu mil veces o Uxío Novoneyra neno. Alí volvería moitas veces máis o autor de Os Eidos, xa adulto, para pasear aos seus amigos escritores. No coidado souto da Ruibal éralle máis doado explicarlles o que era O Courel. Este conxunto de castiñeiros, tamén coñecido como souto do Poeta, vai ser o primeiro do municipio de Folgoso do Courel que forme parte do catálogo oficial de árbores senlleiras de Galicia.

CARLOS RUEDA

Decidiuno hai uns días a Consellería de Medio Ambiente, que está a traballar na nova versión desta guía oficial que recolle as árbores que máis paga a pena conservar e visitar. A Xunta responde así por fin a unha solicitude presentada hai aproximadamente dous años pola fundación Uxío Novoneyra, creada no 2011 cos obxectivos de difundir o legado deste poeta e defender do medio ambiente da Serra do Courel. «O souto da Ruibal -explica Uxío Novo Rey- é como un piloto de como conservar e facer sustentable un conxunto de castiñeiros centenarios con valor cultural, medioambiental e educativo».
O que o fai único

Ao redor da aldea de Parada, na que naceu Uxío Novoneyra a súa fundación ten a súa sede, hay unha gran extensión de castiñeiros repartidos en diferentes soutos. Pero o da Ruibal ten varias cousas que o fan único. Novo, fillo de Uxío Novoneyra e secretario da fundación, conta para empezar que as súas características físicas son excepcionais. Simplemente porque é o único souto está do Courel que está nunha chaira, unha auténtica rareza nun territorio tan montañoso como este. «Sempre dicimos -conta Uxío Novo entre risas- que este souto é o único lugar do Courel no que se podería construír un campo de fútbol».
CARLOS RUEDA

Pero a súa condición de rareza orográfica non é a única razón pola que a fundación pedíu a súa inclusión do catálogo oficial das mellores árbores do país. «Ao redor da aldea de Parada -indica Uxío Novo- hai vinte soutos máis, pero ese sempre foi moi valorado». O souto exténdese por debaixo do camiño que leva de Parada aos mananciais nos que nace o río Lor, así que ademais dun lugar de traballo no outono durante a recolida da castaña tamén foi sempre unha zona de paseo. Antes só para os veciños da aldea, e en vida de Novoneyra para el e para abundantes referentes sociais e culturais, como os seus amigos poetas Carlos Oroza, María Mariño e a xaponesa Ayako Sugitani ou o fotógrafo Federico García Cabezón. Conta o seu fillo que Novoneyra aproveitaba aqueles paseos entre castiñeiros para falarlles aos seus convidados «da cultura da castaña, que no tempo no que meu pai era pequeno era a principal base da dieta da xente do Courel». E hoxe tamén é parada obrigada para os turistas e as excursións escolares que se achegan durante todo o ano á casa natal de Novoneyra.

CARLOS RUEDA

Os castiñeiros do souto da Ruibal consérvanse perfectamente desde tempo inmemorial, porque nunca deixaron de seren traballados. E agora son xestionados comercialmente, a través dunha cooperativa impulsada desde a fundación e denominada Dos Eidos. Resulta curioso porque O Courel é unha das zonas produtivas por excelencia, pero este souto é o único de todo este municipio que dispón da indicación xeográfica Castaña de Galicia.

O que é. Cantas hai. O Courel.
O que é. O Catálogo galego de árbores senlleiras é un rexistro da Dirección Xeral de Patrimonio Natural que recolle as árbores e «formacións excepcionais merecentes de protección en atención ás excepcionais características do seu porte, proporcións, idade, rareza, significación histórica ou cultural, interese científico, educativo, estético, paisaxístico ou calquera outra circunstancia»

Cantas hai. A versión actual do catálogo inclúe un total de 176 elementos. Deles, un total de 144 son árbores de 69 especies diferentes e 32 corresponden a distintas formacións arboradas con vinte especies diferentes

O Courel. O souto da Ruibal será o primeira formación arborada de Folgoso do Courel en entrar no catálogo. A única árbore desde municipio que xa forma parte del é o castiñeiro do val da Fonte
Feridas tratadas sempre con propóleo de abellas de colmeas da serra

O souto da Ruibal está formado por 53 castiñeiros de grandes dimensións. Segundo a información que manexa a Fundación Uxío Novoneyra, o máis novo ten trescentos anos de antigüidade. A cooperativa que o xestiona non fai nestes castiñeiros máis podas que as denominadas clínicas, as obrigadas para manter a saúde do exemplar. Tratan así de non alterar o aspecto do souto. Cando teñen que facer podas coidan as feridas do castiñeiro con propóleo de mel de colmeas do Courel para evitar que a árbore se infecte con chancro ou outras enfermidades.