viernes, 12 de julio de 2019

A escasa cobertura móbil no Courel chega á Unión Europea



O Courel / Orlando Gregorio
A escasa cobertura móbil no Courel chega á Unión Europea
C@urel Vivo acaba de presentar unha denuncia telemática ante o Defensor do Pobo da Unión Europea.

C@urel Vivo acaba de presentar unha denuncia telemática ante o Defensor do Pobo da Unión Europea pola falta de cobertura móbil no territorio que abarca a Serra. Óscar Carrete, voceiro desta formación, alega que se está incumplindo a seguinte lei europea: “Esteas onde esteas na Unión Europea, debes poder acceder a uns servizos de comunicación electrónica de calidade, incluído un acceso básico a internet a prezos asequibles”.


Carrete tamén sinala que onde si hai acceso a Internet o prezo é abusivo en relación coas cidades. “Vemos como desde as administracións se subvenciona continuamente a empresas privadas para que melloren o servizo nas cidades, pero nos núcleos máis alonxados quedamos fóra”, declarou o voceiro de C@urel Vivo. Destaca, sobre todo, que a falla de servizos básicos é un gran obstáculo para a fixación de poboación nunha área con graves problemas de despoboamento.

Propoñen como solución unha alternativa que xa está implantada en áreas rurais do Levante peninsular. Alí estanse a utilizar redes inalámbricas que dan servizo aos usuarios de xeito efectivo e barato, xa que teñen un custo duns 50 euros ao ano. Isto permitiríalles aos habitantes do Courel traballar a distancia e con boas velocidades.