Mostrando entradas con la etiqueta Rehabilitación aldeas. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Rehabilitación aldeas. Mostrar todas las entradas

jueves, 21 de febrero de 2019

C@urel Vivo solicita un Convenio de Rehabilitación para o concello



Vivenda no Courel / C@urel Vivo


A moción pola rehabilitación enerxética de construcións con máis de 50 anos recolle solicitar á Consellería de Vivenda e a Fomento, un Convenio para o Courel, e crear no concello unha comisión dos tres grupos políticos para abordar o tema das construcións con risco de caída.

Segundo C@urel Vivo, tería boa acollida no Courel, un Convenio de Rehabilitación similar ao desenvolto en Lugo ou Mondoñedo, onde Ministerio e Consellería aportasen o 70% do custe da rehabilitación e o particular interesado en rehabilitar, o 30% restante.


Suxiren, que en determinados casos, o Concello podería afrontar ese 30%, sempre e cando esa vivenda fose re-alugada durante 20 – 30 anos, polo Concello; a prezos baixos para atraer xente nova. Desde C@urel Vivo cren que un convenio destas características suporía un impulso para o Concello, crearía postos de traballo e vivenda social que atraería á xente moza.

Puntualizan desde C@urel Vivo, que a Xunta de Galicia e o Goberno de España, teñen un deber de preservación, protección, promoción, valorización, transmisión e revitalización do patrimonio. No Courel, a maioría das construcións antigas, están construídas coa técnica de Pedra en Seco, técnica catalogada pola UNESCO como Ben inmaterial, “pero que se can a ducias, cada ano que pasa”, recolle C@urel Vivo na súa exposición de motivos; que completa referíndose aos cartos que as Administracións adican a rehabilitacións en cidades, mentres no rural “apenas invisten”. Que as Administracións se implicasen neste Convenio daría mostra dunha aposta real polo rural, conclúen.

miércoles, 17 de diciembre de 2014

Vieiros, unha aldea que loita por renacer despois do abandono

Un pequeno grupo de veciños revitaliza unha poboación da montaña de Quiroga
CARLOS RUEDA/ FRANCISCO ALBO
quiroga / la voz  16 de diciembre de 2014  15:23

A aldea de Vieiros, pertencente ao municipio de Quiroga, é unha das localidades da Serra do Courel máis afectadas pola regresión demográfica e durante varios anos chegou a quedar totalmente deshabitada. Nos últimos tempos, porén, algúns novos veciños -uns de residencia permanente e outros temporal- esfórzanse por revitalizala con diversos proxectos.

Entre os novos habitantes está Roi Estévez Pérez, un enxeñeiro de montes de 35 anos que xa viviu parte da súa infancia en Vieiros en compañía dos seus pais. «Meu pai comezou a vir pola aldea cando era moi novo, gustoulle moito e seguiu visitándoa despois», explica. Ao principio os pais intentaron comprar unha vivenda pero ninguén lla quixo vender e acabaron adquirindo un terreo para construír unha casa nova que hoxe, xa xubilados, usan como segunda residencia. Roi Estévez mudouse para esta vivenda no 2011, despois de pasar seis anos en diversos países e de traballar durante un tempo na comarca de Vigo. Na actualidade vive do seu traballo en diversos proxectos de investigación a nivel internacional nos que coopera con varios compañeiros e doutros labores que van xurdindo, sobre todo no campo da interpretación medioambiental. Ademais, cultiva castañas nun terreo da súa propiedade e coida os soutos que lle cederon varias familias da zona. «Agora estou encantado de vivir aquí», afirma.

Creación dunha asociación

Cando o enxeñeiro chegou a Vieiros, na aldea xa vivía unha parella que levaba instalada varios anos no lugar. Outras vivendas estaban ocupadas de forma temporal por diversas familias. «Os poucos veciños que había xa tiñan algunhas iniciativas para recuperar tradicións locais que se perderan co tempo -conta Estévez- e entón decidimos crear unha asociación para intentar rehabilitar este lugar». Estévez preside hoxe o colectivo, formado por naturais de Vieiros e por persoas con propiedades na zona, boa parte das cales reside habitualmente en Vigo, Redondela, Barcelona e mesmo Estados Unidos.

Unha das iniciativas da asociación consistiu en revitalizar as festas da localidade -as de Santiago, o 25 de xullo-, para as que se organizaron actividades que foron máis alá de contratar a clásica orquestra para animar os bailes. Houbo concertos de arpa, unha exposición de fotografías antigas e pequenas sesións de cinema nunha palleira, entre outros actos. Pero unha das actuacións máis notables que se levaron a cabo ata agora foi a rehabilitación do antigo patio de birlos -ou campo de bolos-, un xogo tradicional da aldea que levaba moitos anos abandonado. O patio tivo que ser refeito por completo. O espazo estaba cuberto de entullos e do muro que o delimita só quedaban os cimentos. Hoxe o lugar está ben acondicionado e conta cun panel explicativo e ata unha placa cunha inscrición en alfabeto braille para os visitantes invidentes.

Os veciños tamén teñen o proxecto de restaurar o vello muíño da aldea, abandonado e en ruínas. A idea iniciar era recuperar de forma conxunta esta construción e o patio de birlos, xa que se conseguiran subvencións para ambas cousas. «Para a xente era máis importante comezar polo muíño, pero por causas administrativas tivemos que dar preferencia ao patio e birlos, para non perder as axudas», di Estévez.

A rehabilitación do muíño está agora pendente dunha licenza que se solicitou á Confederación Hidrográfica. «Temos o diñeiro e os obreiros agardando para iniciar a obra, pero aínda non contamos co permiso, que levamos esperando desde hai dous anos», apunta o presidente da asociación veciñal. Os veciños tamén proxectan reconstruír a «casa da luz», onde estaba unha dínamo que subministraba corrente eléctrica á aldea, así como recuperar un antigo manancial. Estévez espera que estas iniciativas e outros proxectos que ten en preparación saian adiante en dous ou tres anos e que Vieiros poida renacer grazas aos recursos agroforestais e turísticos.