viernes, 21 de junio de 2019

Montañas do Courel quere coñecer a datos dos seus glaciares



Tomando mostras en glaciares das montañas do Courel. Foto: Martín Alemparte


Montañas do Courel’ quere coñecer a data dos seus glaciares

O Xeoparque formalizou un contrato de investigación coa Universidade de Oviedo co obxectivo de coñecer a evolución glaciar das súas formacións montañosas de forma detallada.
Martín Alemparte, xerente do GDR Ribeira Sacra-Courel, apunta que resultará importante nestes anos, para manter e fortalecer a declaración de Xeoparque Mundidal da UNESCO “Montañas do Courel”, promover traballos de investigación sobre os recursos de patrimonio xeolóxico cos que conta o territorio. Grazas a estes traballos “poderase afondar no coñecemento dos mesmos e poderanse levar a cabo tamén labores de divulgación sobre os mesmos”, engade.


Nesta liña enmárcase o contrato de investigación para a datación dos glaciares nas montañas do Courel que o Xeoparque vén de asinar coa Universidade de Oviedo.

O pasado 25 de maio, durante as actividades celebradas dentro do Ciclo Semana dos Xeoparques Europeos, un equipo investigador dirixido polo profesor D. Jesús Ruíz Fernández -Dpto de Xeografía da Universidade de Oviedo- no que tamén participaron membros da Universidade de Santiago de Compostela e do Centre National de la Recherche Scientifique de Francia levaron a cabo un traballo de campo para tomar mostras en glaciares das Montañas do Courel. O obxectivo destes labores é o tratamento das mostras en laboratorio mediante o método dos isótopos cosmoxénicos e publicar os resultados do estudo para finais de ano nalgunha das principais revistas científicas de relevancia mundial.

Alemparte, coordinador de ‘Montañas do Courel’, indica neste senso que “coñecer as fases da evolución glaciar é crucial, feito que dotará ao Xeoparque de gran valor engadido de evidente interese xeomorfolóxico e patrimonial”.

O catedrático da USC Augusto Pérez Alberti, publicaba o pasado ano Xeomorfoloxía das Montañas do Courel, libro editado polo Grupo de Desenvolvemento Rural Ribeira Sacra-Courel. Un importante traballo de identificación dos diferentes glaciares existentes no territorio, así como das morfoloxías erosivas e sedimentarias que se conservan, e que foi de gran axuda para fortalecer a candidatura de Montañas do Courel a Xeoparque Mundial da UNESCO.



viernes, 7 de junio de 2019

O GDR Ribeira Sacra Courel recibe un premio Agader



Montañas do Courel. Foto: XMF


O GDR Ribeira Sacra Courel recibe un premio Agader

Trátase dun premio que concede a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, na modalidade de Turismo, pola boa xestión realizada por esta entidade para acadar a declaración de Xeoparque Mundial da Unesco.

A Asociación Grupo de Desenvolvemento Rural Ribeira Sacra-Courel era candidata para un dos premios Agader deste ano pola súa iniciativa “Xeoparque Courel“. Acadou 90 puntos, a máxima puntuación alcanzada entre as oito solicitudes presentadas en diferentes categorías, e levará un dos galardóns da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.


O vindeiro 21 de xuño ás 12:00 h. celebrarase a cerimonia de entrega destes premios no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude en Boqueixón (A Coruña). Os galardóns chegan á súa décima edición e os gañadores recibirán un diploma e unha dotación económica de 10.000 euros.

O xurado encargado de seleccionar aos premiados nas diferentes categorías que se contemplaban estaba formado polos directores xerais de Igualdade, Políticas Culturais, turismo, Patrimonio Cultural, Xuventude, Gandería e Agricultura e Industrias Agroalimentarias, e tamén polo secretario xeral de Agader e o presidente da Fegamp.

Para emitir o veredicto, os membros deste xurado tiveron en conta como valor diferencial que a iniciativa impulsada dende a Asociación GDR Ribeira Sacra-Courel foi “un proxecto global de desenvolvemento turístico”.