sábado, 11 de enero de 2020

Faleceu Manuel Álvarez, o último sacristán campaneiro do Courel



Manuel Álvarez tocando as campás da igrexa de Vilamor nunha imaxe tomada no 2013

Durante a maior parte da súa vida encargouse de tocar ao estilo tradicional as campás da igrexa de Vilamor

Manuel Álvarez tocando as campás da igrexa de Vilamor nunha imaxe tomada no 2013CARLOS RUEDA

FRANCISCO ALBO

10/01/2020 13:14 H

Ás seis da tarde de hoxe oficiarase na igrexa de Vilamor do Courel o funeral de Manuel Álvarez, que durante moito tempo foi o sacristán campaneiro desta parroquia e que acaba de falecer aos 91 anos de idade. Coñecido como Monteiro, era unha persoa amplamente coñecida e moi querida en todo o municipio, segundo explica a alcaldesa Dolores Castro.

Manuel Álvarez foi último campaneiro tradicional da serra. Nunha reportaxe publicada neste diario en xuño do 2013, o propio campaneiro sinalou que coñecía os catro toques clásicos das campás da igrexa parroquial: os que chamaban aos fieis á misa, os de defuntos, os que servían para alertar dos incendios e os que —de acordo coa tradición popular— podían afuxentar as tormentas. O campaneiro sinalaba que o máis penoso deste labor era dar os toques de defuntos. «Era algo que non se debía tocar nunca, porque a xente choraba», dicía a este respecto.

Manuel Álvarez aparece tocando as campás da igrexa de Vilamor ao estilo tradicional no filme Tempo, unha longametraxe documental do cineasta monfortino Manuel Valcárcel que foi rodada ao longo dun ano enteiro na Serra do Courel.

https://www.lavozdegalicia.es/noticia/lemos/folgoso-do-courel/2020/01/10/span-langglfaleceu-manuel-alvarez-ultimo-sacristan-campaneiro-do-courelspan/00031578655725107350619.htm