sábado, 5 de agosto de 2017

Unha malla tradicional precederá o sábado ao Filandón de Músicas do Courel

A recreación levarase a cabo en Noceda e será acompañada dunha actuación dos gaiteiros alemáns Liesa e Ulrich Künzelmann

.

04/08/2017 12:33 H

A localidade de Noceda acollerá o sábado -a partir das 17:00 horas- unha malla ao estilo tradicional que servirá de prólogo ao vixésimo Filandón de Músicas do Courel, que se celebrará o domingo en Seoane. O labor levarase a cabo con mallos manuais e o cereal que se mallará é trigo tremesino dunha variedade que só se cultiva en áreas de montaña, por enriba dos setecentos metros de altura. A demostración estará aberta a todas as persoas interesadas e comprenderá unha actuación a cargo dos músicos alemáns Liesa e Ulrich Künzelmann, intérpretes e investigadores das gaitas centroeuropeas que tamén tomarán parte no Filandón.

As mallas tradicionais organízanse cada ano en Noceda desde que comezou a celebrarse o Filandón de Músicas do Courel, aínda que nos últimos tempos non se lles daba publicidade. Os organizadores deste festival tamén levarán a cabo o venres unha ofrenda floral ás cantoras populares Elvira Touzón e Hilda Álvarez, xa falecidas, que participaron en varias edicións do Filandón. Estes actos celebraranse ás 17:00 e ás 17:30 horas nas localidades de Santa Eufemia e Ferreirós de Abaixo. O Filandón de Músicas celebrarase a partir das seis da tarde do domingo xunto á antiga ferrería de Seoane. Na imaxe sobre estas liñas, unha malla tradicional en Noceda no ano 2002.