martes, 19 de mayo de 2015

Un filme en torno ao primeiro ano de vida de Clara, unha nena da Serra do Courel

Manuel Valcércel presentou en Froxán o seu documental «Tempo»

FRANCISCO ALBO quiroga / la voz, 19 de mayo de 2015. Actualizado a las 05:00 h.


MANUEL VALCÁRCEL
Entre os primeiros espectadores de «Tempo» estivo Clara, unha nena nacida en Froxán no 2012 cuxo primeiro ano de vida serviu de eixo argumental ao filme do realizador monfortino.

A aldea de Froxán foi escenario o pasado sábado da preestrea da longametraxe documental Tempo, rodada ao longo dun ano na Serra do Courel polo realizador e fotógrafo monfortino Manuel Valcárcel. Cerrouse así un dilatado proceso que comezou hai tres anos -en maio do 2012-, cando Valcárcel e os seus colaboradores realizaron as primeiras probas preparatorias para a filmación. A segunda proxección pública do filme terá lugar nos multicines Hollywood de Monforte o día 29, ás oito e media da tarde.

O documental ten unha duración de cen minutos, aínda que o seu autor non descarta a posibilidade de recortalo un pouco, en función de como reaccionen os espectadores destas primeiras proxeccións. A rodaxe, segundo explica Valcárcel, requeriu cerca de 160 días de traballo repartidos ao longo dun ano. O filme pretende reflectir a vida cotiá da Serra do Courel e dos seus habitantes durante o primeiro ano de vida de Clara, unha nena que naceu en Froxán o 23 de novembro do 2012. Foi o primeiro bebé nacido nesta localidade en 28 anos.

Durante este tempo realizáronse moitas horas de gravación en diversos lugares da serra. As imaxes recollidas por Valcarcel e o seu equipo mostran a vida diaria dos veciños da zona e as transformacións que vai experimentando a paisaxe ao longo dun ano. A banda sonora da maior parte do filme está composta só por sons naturais e música. «Tamén aparecen algúns veciños falando das súas cousas, pero non hai ningunha entrevista propiamente dita», explica o realizador.

Orde cronolóxica

Unha vez terminada a longa filmación, a montaxe do documental prolongouse durante un ano e medio debido a que Valcárcel tivo que ocuparse ao mesmo tempo doutros traballos e tamén á estrutura da obra. Valcárcel sinala a este respecto que un dos aspectos máis arduos do proxecto consistiu en organizar cronolóxicamente todo o material gravado para que as escenas aparezan no filme seguindo a mesma sucesión temporal en que foron gravadas. «Manter esa orde era moi importante, porque pretendía mostrar o paso do tempo coa maior fidelidade posible», agrega.

O realizador apunta por outro lado que a súa intención é mostrar os problemas que vive este territorio -como o despoboamento, a falta de horizontes laborais e económicos ou a degradación ambiental causada pola industria pizarreira e as repoboacións forestais-, aínda que sen recorrer á denuncia directa. «O filme foi feito sen axudas oficiais e grazas o iso puiden mostrar as cousas dun xeito que talvez non tería sido posible se dependese das subvencións», conclúe.