viernes, 7 de junio de 2019

O GDR Ribeira Sacra Courel recibe un premio Agader



Montañas do Courel. Foto: XMF


O GDR Ribeira Sacra Courel recibe un premio Agader

Trátase dun premio que concede a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, na modalidade de Turismo, pola boa xestión realizada por esta entidade para acadar a declaración de Xeoparque Mundial da Unesco.

A Asociación Grupo de Desenvolvemento Rural Ribeira Sacra-Courel era candidata para un dos premios Agader deste ano pola súa iniciativa “Xeoparque Courel“. Acadou 90 puntos, a máxima puntuación alcanzada entre as oito solicitudes presentadas en diferentes categorías, e levará un dos galardóns da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.


O vindeiro 21 de xuño ás 12:00 h. celebrarase a cerimonia de entrega destes premios no Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Sergude en Boqueixón (A Coruña). Os galardóns chegan á súa décima edición e os gañadores recibirán un diploma e unha dotación económica de 10.000 euros.

O xurado encargado de seleccionar aos premiados nas diferentes categorías que se contemplaban estaba formado polos directores xerais de Igualdade, Políticas Culturais, turismo, Patrimonio Cultural, Xuventude, Gandería e Agricultura e Industrias Agroalimentarias, e tamén polo secretario xeral de Agader e o presidente da Fegamp.

Para emitir o veredicto, os membros deste xurado tiveron en conta como valor diferencial que a iniciativa impulsada dende a Asociación GDR Ribeira Sacra-Courel foi “un proxecto global de desenvolvemento turístico”.