miércoles, 14 de enero de 2015

Despedida musical para Ilda Álvarez, cantora popular da Serra do Courel

LEMOS 13/01/2015

Na igrexa parroquial de Folgoso do Courel oficiarase a partir das catro da tarde de hoxe un funeral por Ilda Álvarez Macía, cantora popular natural da localidade de Ferreirós que faleceu onte no hospital comarcal de Monforte, onde levaba ingresada un par de semanas. Ilda Álvarez, quen cumprira 79 anos o pasado 19 de novembro, era un dos intérpretes máis destacados e constantes do Filandón de Músicas do Courel e participou en todas as edicións deste festival, incluíndo a última, que se celebrou o pasado agosto.
No 2009, por iniciativa de Xosé Lois Foxo, o selo Sons Galiza editou o disco Cantares da Serra do Courel, que recolle 22 pezas tradicionais interpretadas por Ilda Álvarez. Unha grande parte destes cantares foille transmitido por outro músico popular da zona, José María Rodríguez Cobo -coñecido como o Cego de Eixón-, que mantiña amizade coa súa familia e a quen tratou na súa infancia. Na opinión de Foxo, Ilda Álvarez «era a mellor cantora do Filandón e unha das voces populares máis sobresaíntes que ten dado Galicia».

Aos seus funerais asistirán algúns dos músicos e cantores que participan habitualmente neste festival o grupo de gaitas O Recanto de Quiroga. Segundo explica Foxo, está previsto que se interprete durante estes actos algunha das pezas tradicional que gravou en disco a cantora falecida.

Homenaxe pública

A asociación de amigos do Filandón de Músicas do Courel xa anunciou que a próxima edición do festival estará dedicado á súa memoria. Está tamén previsto reunir fondos para erixir un monumento á cantora que se pretende ubicar nos arredores da antiga ferrería de Seoane, onde se celebra desde hai anos o festival folclórico.