jueves, 24 de enero de 2019

O baile dos toxos, un singular testemuño do pasado climático

Un festexo recuperado en Vilamor é un rastro das fortes nevadas de antano, que non figuran nos rexistros climatolóxicos



QUIROGA / LA VOZ 23/01/2019 05:00 H

O baile dos toxos, unha tradición que será recuperada o 2 defebreiro na localidade de Vilamor, constitúe un singular testemuño das condicións climáticas que reinaban ata tempos recentes na Serra do Courel. Este baile celebrábase o 20 de xaneiro con ocasión da festividade de San Vicente, patrón da parroquia, e coincidía habitualmente con grandes nevadas. Para resguardarse do frío e da neve, os veciños celebraban o baile dentro das cortes, cubrindo o piso con toxos.

Olalla Raposo, unha veciña de Vilamor que colabora na organización do festexo, sinala que «polo que conta a xente maior, nesta época do ano era moi frecuente que houbese nevaradas moi fortes e que quedasen os terreos totalmente cubertos de neve durante quince días ou máis tempo». Para celebrar festas nesas condicións non había máis remedio que refuxiarse nas cortes e bailar sobre camadas de toxos. Unha tradición similar á de Vilamor -engade- eran as chamadas polavilas que se celebraban durante o inverno nas aldeas da Serra dos Ancares, en lugares como Piornedo. «Neses sitios tamén se bailaba dentro das cortes e sobre os toxos, porque non había espazos preparados para celebrar as festas sobre terreo firme como os que temos agora», explica.

Desde a sección de climatoloxía e observación de Meteogalicia sinalan que as tradicións deste tipo e a memoria oral dos veciños poden constituír unha fonte de información importante para reconstruir a historia climática dos tempos pasados nas serras orientais galegas e noutros territorios onde a neve é un fenómeno habitual, xa que non existe un rexistro histórico de nevadas. «O que se pode saber polos datos históricos é cando choveu e cando caeron as temperaturas por debaixo de cero desde que se realizan rexistros climatolóxicos -indican desde este departamento-, pero iso non permite saber se a terra chegou a cubrirse realmente de neve, porque pode nevar sen que a neve chegue a callar». De todas maneiras, engaden, aínda non se fixo un estudo baseado nestes datos para determinar os períodos en que teoricamente se puideron producir grandes nevadas.

Só nos últimos anos

Os rexistros sistemáticos de nevadas en Galicia -apuntan por outra parte desde esta mesma institución- só se efectúan desde hai tres anos, cando os radares meteorolóxicos de Meteogalicia foron dotados de ferramentas capaces de detectar este tipo de precipitación. Pero estes instrumentos tampouco son capaces de rexistrar cando a neve chega a depositarse sobre a superficie e manterse en estado sólido durante un certo tempo.

Nestas condicións, sinalan os expertos de Meteogalicia, as únicas fontes dispoñibles para saber en que territorios e en que épocas se producían nevadas de grandes dimensións e de longa duración son tradicións como as que se conservan en Vilamor, a memoria persoal dos veciños de maior idade e as informacións que se poidan conseguir nos documentos históricos.


Os veciños que organizan a recuperación do baile dos toxos, segundo explica Olalla Raposo, non só pretenden atraer visitantes ao municipio e dinamizar a economía local, senón tamén axudar a dar a coñecer a cultura e as tradicións locais. «Esta festa é unha lembranza do modo de vida doutros tempos, cando a vida dos veciños estaba moi condicionada polas nevaradas, e queremos que iso se recorde», apunta.
A neve non se presentou á cita anual durante a pasada década

O baile dos toxos de Vilamor deste ano non se celebrou o 20 de xaneiro -o propio día da festividade de San Vicente, como era tradicional- pola razón de que esa data non cadraba ben ás circunstancias persoais dos organizadores. O festexo xa fora recuperado durante un certo tempo na pasada década, entre os anos 2001 e 2007, pero en ningunha desas ocasións coincidiu cunha nevada, como era habitual en tempos pasados. «Tal como está a meteoroloxía esta temporada, é probable que esta vez si teñamos a festa con neve», sinala Olalla Raposo. Onte mesmo estaba nevando nos picos da Serra do Courel, aínda que en Vilamor só caía chuvia.

O festexo comezará ás doce e media do mediodía cunha misa na igrexa da parroquia, seguida dunha sesión vermú con música tradicional. Ao igual que se fixo na última década, o baile será ao libre -na praza do Quintairo- e non no interior das cortes.