martes, 9 de junio de 2015

Cal de Vilamor para a bioconstrución

A cocción de pedra caliza realizada o pasado sábado desperta un amplo interese

FRANCISCO ALBO 
QUIROGA / LA VOZ 09/06/2015 05:00

A experiencia de fabricación artesanal de cal realizada o pasado sábado en Vilamor do Courel chamou a atención de numerosas persoas interesadas nas técnicas tradicionais de construción. Os organizadores da demostración -a asociación cultural Fonte do Milagro e o colectivo cultural de Vilamor- mesmo recibiron unha solicitude para comprar o produto obtido no antigo caleiro da localidade. «Unha asociación galega dedicada á bioconstrución púxose en contacto connosco para ver se é posible que lles vendamos ao menos unha parte do cal que saquemos do forno, para estudalo e experimentar con el», sinala Evaristo Méndez, presidente do primeiro dos referidos colectivos.

A expectación causada por esta experiencia explícase polo insólita que resulta hoxe en Galicia unha iniciativa deste tipo. Hai moito tempo que caeron en desuso os vellos fornos que funcionaban na Serra do Courel e noutros territorios calizos -o caleiro de Vilamor deixou de acenderse hai arredor de sesenta anos- e as recreacións desta antiga técnica son moi infrecuentes. O único precedente que coñecían os organizadores da exhibición realizada no Courel é unha experiencia similar que se levou a cabo en Mondoñedo no 2007.

O cal que se obtivo na cocción realizada en Vilamor aínda non foi extraído do forno, xa que é preciso esperar bastante tempo -en torno a dez días- para que enfríe por completo. Os promotores da demostración teñen previsto organizar outro acto público cando se efectúe esta última etapa do proceso. «Farémolo posiblemente o día 21 pola tarde», explica Evaristo Méndez.

Cerca de cincocentos quilos

Na experiencia -engaden os organizadores- utilizáronse entre catrocentos e cincocentos quilos de pedra caliza extraídos dunha veta que pasa polas proximidades de Vilamor. Deste mesmo filón procedía a materia prima que se empregaba no forno cando funcionaba con regularidade. O proceso de calcinación comezou en torno ás dez e media da mañá e terminou sobre as catro da madrugada. «Contamos con sacar bastantes máis quilos de cal que os que metemos no forno, porque ao apagalo con auga aumenta de volume», di Méndez.

Unha experiencia moi pouco común que podería repetirse en anos próximos

Os organizadores da exhibición levada a cabo no caleiro de Vilamor -que coincidiu coa sexta edición da Xuntanza de Artesáns no Courel que promove a asociación Fonte do Milagro-
barallarán a posibilidade de repetir a experiencia en anos próximos. «Moitos dos que viñeron á demostración preguntáronos se a volveríamos facer, pero aínda non o temos decidido», apunta a este respecto Evaristo Méndez.

Por un lado, o éxito que tivo esta convocatoria e o seu especial interese histórico e etnográfico animan aos seus promotores a darlle continuidade. «Pero hai que pensalo ben, porque é un traballo bastante laborioso e unha vez que o forno está aceso resulta tamén bastante tedioso, porque hai que pasar moitas horas sen facer máis que alimentar o lume de vez en cando», puntualiza Méndez.

Atractivo turístico

En calquera caso, o forno de cal de Vilamor -despois de moitos anos de abandono e esquecemento- xa se converteu nun novo atractivo turístico para a Serra do Courel. A antiga construcción, que se conserva practicamente intacta, foi sinalizada cun letreiro e a partir de agora queda aberta ás visitas.

http://www.lavozdegalicia.es/noticia/lemos/2015/06/09/cal-do-courel-bioconstrucion/0003_201506M9C2991.htm