lunes, 5 de febrero de 2018

Salcedo iniciará este sábado o tradicional entroido do Oso

O singular personaxe percorrerá o día 12 as rúas desta localidade do municipio da Pobra do Brollón
.
05/02/2018 19:54 H
A parroquia de Salcedo, no municipio da Pobra do Brollón, iniciará o sábado as súas festas de entroido, que polo seu singular valor etnográfico e histórico foron incluídas no inventario do patrimonio inmaterial da Ribeira Sacra realizado recentemente pola Consellería de Cultura de cara á futura declaración deste territorio como paisaxe cultural. O festexo está protagonizado pola figura do Oso de Salcedo, un personaxe que presenta moitas similitudes con outros que aparecen en varios carnavais tradicionais da rexión pirenaica e doutras partes de Europa.

O programa das festas abrirase cunha representación de teatro popular que comezará ás 22.00 horas do sábado no local multiusos de localidade. O domingo haberá outra función teatral no mesmo lugar e co mesmo horario. Previamente, ás 17.00 horas, haberá un baile dos tradicionais personaxes coñecidos como madamas e danzantes e un pasarrúas co grupo de gaitas Os Tocainas. Ás 18.00 horas, o pregón das festas será pronunciado polo actor Avelino González. Ás 20.00 horas comezará un baile co trío Sabor Latino e ás doce da noite unha verbena animada pola orquestra Los Satélites.

O luns 12, o Oso de Salcedo ?acompañado por varios axudantes? percorrerá as rúas da localidade a partir das 16.30 horas, perseguIndo a veciños e visitantes para enzoufarlles a cara con feluxe. Pola noite, a partir das 21.00 horas, haberá unha cea popular e un baile coas orquestras Fania Blanco Show e Nevada.

O Martes de Entroido haberá animacións musicais a partir das 19.00 horas co grupo Imaxinatia, seguidas dunha paellada gratuíta e un baile coa orquestra Gran Parada. Así mesmo, haberá un baile de disfraces con premios individuais, por parellas e para grupos de máis de cinco persoas.