jueves, 5 de mayo de 2016

Soutos novos para a Serra do Courel

A estación científica de Seoane realizará unha plantación piloto para estimular a creación de bosques de castiñeiro


FRANCISCO ALBO 
QUIROGA / LA VOZ 05/06/2016 17:18

A Estación Científica do Courel (ECC) pretende potenciar a plantación de novos soutos na serra por considerala como unha importante posibilidade de desenvolvemento económico para a zona. Vai facelo, por unha parte, mediante unha plantación experimental que se levará a cabo a partir do outono na zona norte da serra. Esta será posiblemente a primeira vez que se plante un novo bosque de castiñeiros no Courel en moito tempo. «Non sabemos con certeza se algún veciño plantou algún souto nas últimas décadas, pero a nosa é con certeza a primeira plantación que se faga na serra cun propósito de investigación», explica Antonio Rigueiro, o director do centro.

Por outro lado, a estación acollerá en xullo un curso de verán da Universidade de Santiago que se dedicará aos soutos da serra e que incidirá de forma especial nas novas plantacións. Con estas iniciativas, Rigueiro espera que se desperte o interese por este tipo de iniciativas, que ata agora teñen un peso moi limitado non só no Courel, senón en todo o territorio lucense. «Na provincia de Ourense estanse facendo moitas plantacións novas, como tamén sucede no norte de Portugal, pero na de Lugo hai pouco movemento neste sentido», explica.

O director da ECC apunta que plantar novos soutos pode ter un interese especial nunha zona como a do Courel. «Na serra hai moitos soutos antigos, pero por unha parte teñen o problema de que en grande parte están abandonados e descoidados á causa da caída demográfica e por outro, que conteñen moitas variedades de castaña mesturadas, o que é un inconveniente moi grande para o seu aproveitamento económico», explica.

Incremento da produción

Rigueiro sinala a este respecto que un típico souto vello da zona pode producir como media entre 2.000 e 2.500 quilos de castaña por hectárea. «Cun souto novo ben preparado, onde se cultiven as variedades máis prezadas no mercado, pódense obter entre 5.000 e 6.000 quilos por hectárea, o que supón duplicar a produción e incrementar moito o beneficiio económico», agrega.

A castaña parede, unha variedade local de singular valor gastronómico

Para levar a cabo plantacións de soutos novos -indica Antonio Rigueiro- é conveniente escoller unha variedade de castaña que resulte atractiva para o mercado e non mesturala con outras, como ocorre na maioría dos bosques vellos da serra. A este aspecto dedicarase de forma específica unha das conferencias do curso de verán, a cargo do enxeñeiro e catedrático da USC Santiago Pereira. Entre as diversas variedades de castaña que se cultivan tradicionalmente na zona, Rigueiro opina que a denominada parede pode ser a máis interesante para realizar novas plantacións. «Na zona hai tamén outras variedades que poden ser útiles para estas iniciativas, como as chamadas longal ou famosa, pero estas cultívanse tamén na provincia de Ourense, mentres que a parede é máis típica do territorio lucense e do Courel», explica. Á hora de comercializar o froito, o feito contar cunha variedade menos común e estendida que otras pode ter un importante valor no mercado.

As castañas de tipo parede, segundo un estudo sobre os cultivares autóctonos galegos realizado hai anos polo mencionado Santiago Pereira e por Josefa Fernández, caracterízanse en xeral unha alta calidade gastronómica, pero o pequeno tamaño que presenta habitualmente o froito dificulta a súa comercialización. A este respecto, Rigueiro xa ten apuntado anteriormente que este tamaño reducido -compartido por outras variedades locais- pode deberse en moitos casos a unha merma causada pola falta de podas e outros coidados nas árbores, e que posiblemente o seu volume poida aumentar con tratamentos máis axeitados.

Froitos e madeira

O mencionado estudo de Fernández e Pereira sinala por outra parte que os castiñeiros de tipo parede producen unha madeira lisa e robusta moi apropiada para a produción comercial. Ao xuízo destes investigadores, por tanto, esta variedade pode resultar interesante para plantacións mixtas de froitos e madeira.

O director da ECC indica ademais que un aspecto que hai que ter moi en conta para realizar novas plantacións de castiñeiros na serra é o feito de que se encontra dentro da zona Rede Natura. «Isto obriga a usar só variedades nativas da zona e non introducir as foráneas, para evitar a contaminación xenética», precisa. Estas variedades, ademais, son as que mellor saben manexar os produtores locais.

Unha alternativa interesante para unha grande parte do territorio da provincia lucense

En opinión de Antonio Rigueiro, a plantación de novos soutos pode ser unha alternativa de grande interese non só para a Serra do Courel, senón tamén para outras zonas da provincia. «Isto é algo que pode ter moitas posibilidades en todos os territorios pertencentes á indicación xeográfica protexida Castaña de Galicia -sinala-, o que supón case todo o territorio lucense excepto a zona da Mariña».

Por outro lado, o director da estación científica indica que a Xunta ofrece regularmente axudas para a plantación de castiñeiros. «Este ano non se convocaron, pero hainas con moita frecuencia e son axudas importantes que cubren praticamente todos os custos das novas plantacións», comenta. Rigueiro di tamén que esta posibilidade pode ser de moito interese para reaproveitar terras de uso agropecuario que xa non se utilicen como tais. «A normativa legal non permite cultivar calquera cousa neses terreos, pero os soutos si que están admitidos», engade.

Rigueiro explica por outra parte que cando as novas plantacións se realizan mediante enxertos en plantas de dous anos de idade, as árbores poden comezar a producir castañas nun prazo de oito ou nove anos. «A plena produción chega entre os dez e vinte anos», conclúe.