martes, 3 de mayo de 2016

O colexio de Seoane suma xa cinco premios de investigación

Dous estudos realizados por alumnos do Courel, un deles sobre as orquídeas silvestres da serra, foron galardoados polos museos científicos da Coruña
FRANCISCO ALBO
QUIROGA / LA VOZ 03/05/2016 05:00

Os alumnos do colexio Poeta Uxío Novoneyra, en Seoane do Courel, conseguiron dous galardóns na última convocatoria dos premios Luis Freire, concedidos polos museos científicos da Coruña. Con estes son xa cinco os premios de investigación recibidos por este centro educativos nos últimos anos, todos os cales teñen en común o feito de basearse no patrimonio natural da serra.

Un dos traballos galardoados foi realizado por estudantes de cuarto curso de ESO baixo a dirección da profesora Lourdes González Sotelo e trata sobre as estratexias de reprodución de varias especies de orquídeas silvestres que forman parte da flora autóctona da zona. O outro estudo foi levado a cabo por alumnos de cuarto e sexto de primaria, co apoio da profesora Carmen Fenández Freire, e céntrase na importancia dos microorganismos do solo para o crecemento das plantas. Os dous proxectos -cada un deles levou un segundo premio no certame- desenvolvéronse co axuda do programa de educación ambiental Voz Natura, que conta co patrocinio da Consellería de Medio Ambiente, a Deputación da Coruña, a Fundación Alcoa, El Corte Inglés e a Fundación Ramón Areces.

Diferentes estratexias

A investigación sobre as orquídeas tiña por obxectivo determinar cal é a máis eficaz das diferentes estratexias para atraer insectos polinizadores que utilizan tres especies propias da serra, denominadas respectivamente Oprhys sphegodes, Aceras antrophophorum e Orchis mascula. A primeira delas, coñecida por orquídea abelleira, ten unhas flores que imitan a forma do abdome das abellas femias. A segunda ofrece néctar aos insectos e a terceira non produce esta substancia pero adopta o aspecto doutras especies que si o fan.

Para realizar o estudo, os alumnos observaron plantas destas tres variedades que crecen nunha mesma zona, nos arredores da localidade de Noceda. Contando o número de flores de cada especie e comparándoo despois co das que chegaron a converterse en froitos, tiraron a conclusión de que a Ophrys speghodes é a que ten más éxito reprodutivo e que por tanto é a que atrae máis polinizadores. Cerca do 80% das flores desta especie que se contabilizaron para a investigación conseguiron frutificar.

A finalidade do outro estudo consistía en comprobar se os microorganismos que se crían en terreos utilizados para o cultivo das leguminosas son favorables para o crecemento doutros tipos de plantas. Para a investigación utilizouse terra recollida nunha horta onde se plantan fabas. A mostra dividiuse en dúas porcións. Unha parte da terra conservouse tal como estaba orixinalmente e a outra foi aquecida nunha estufa de laboratorio a 65 graos centígrados durante vinte e catro horas, a fin de eliminar os microorganismos que contiña. Seguidamente, en ambas porcións de terra plantáronse sementes de trevo. Comprobouse así que as plantas medraban moito mellor na que non fora esterilizada.

Anteriores galardóns

Con anterioridade, os alumnos do colexio de Seoane recibiron outros dous premios Luis Freire, un deles por un estudo sobre o papel dos animais carnívoros na dispersións das sementes -que obtiveron no pasado curso- e outro sobre as poboacións de lobos da Serra do Courel, que lles foi concedido no 2012. O centro tamén conseguiu no 2014 o premio ao mellor vídeo no certame InvestigArte, convocado pola Fundación Barrié, a Universidade de Santiago e o Instituto de Investigacións Sanitarias da mesma cidade. Este traballo, titulado Descobrimentos nocturnos, reúne imaxes de animais salvaxes do Courel captadas con cámaras camufladas.

Novos proxectos

O colexio de Seoane ten previsto seguir realizando actividades de investigación centradas no patrimonio natural da serra, algo que desperta moito interese nos alumnos. Durante este curso realízase un inventario das alvarizas ou colmeares tradicionais da zona de Seceda e outro das zonas onde crecen arandeiras, un arbusto de especial valor para a alimentación dos osos pardos.

http://www.lavozdegalicia.es/noticia/lemos/2016/05/03/span-langgl-colexio-seoane-suma-xa-cinco-premios-investigacion-span/0003_201605M3C12991.htm