jueves, 20 de febrero de 2020

O Courel fai renacer o seu entroido, desaparecido durante o século XX

Os personaxes tradicionais do festexo visitarán varias parroquias a fin de semana
QUIROGA / LA VOZ 19/02/2020 19:30 H 

O municipio de Folgoso do Courel contou cunha importante tradición de entroidos tradicionais que se foi perdendo despois da Guerra Civil. No 2019 comezou a desenvolverse un proxecto de recuperación deste patrimonio inmaterial que culminará este ano con varias celebracións que terán lugar durante a fin de semana en diversas localidades. A iniciativa -segundo explican os responsables- partiu o ano pasado da anpa do colexio de Seoane, que iniciou unha investigación sobre as tradicións carnavalescas locais e xa o ano pasado organizou unha celebración con algúns dos personaxes típicos deste festexo. 

A este proxecto sumáronse despois a asociación Serra do Courel -que agrupa ás empresas turísticas locais- e varios veciños que colaboran a título particular. Despois do entroido do ano pasado continou a investigación sobre o terreo e os responsables falaron cos veciños de maior idade que aínda recordan como se celebraba esta festa. «Aínda que o entroido desapareceu en moitos sitios a causa da guerra, noutras localidades seguiuse celebrando de forma máis ou menos clandestina ata finais dos anos cincuenta», sinalan os promotores da iniciativa, que crearon un blog para recoller e difundir as informacións relativas a esta tradición. 

Nesta investigación, apuntan por outro lado, púxose de manifesto a gran diversidade de maneiras de celebrar o entroido con que contou en tempos este territorio. «En cada sitio era diferente e se no Courel hai 46 aldeas, podemos dicir que entre todas elas había unhas trinta formas distintas de celebrar a festa», engaden. De acordo cos relatos recollidos entre os veciños, na maioría dos lugares aparecían máis ou menos os mesmos personaxes, denominados felos, mecos, xardoeiros, tiseireros, mochileiros -ou lacueiros- e señoritas. Estas figuras visitaban as aldeas acompañadas por gaiteiros e tamborileiros e nalgúns lugares anunciaban a súa chegada facendo soar un corno. 

Por outro lado, nas diferentes parroquias organizábanse festexos con características propias. En Vilamor, segundo a información recollida no mencionado blog, o entroido comezaba no chamado Domingo Corredoiro, no que os festeiros embarraban á xente que saía da misa con lama recollida do rego que pasa pola localidade. Neste mesmo lugar confeccionábase unha figura de touro ou de boi, feita cunha pel de ovella negra e unha cornamenta de madeira, que era manexada por dúas persoas e perseguía aos veciños durante o domingo e o martes de entroido. 

Bólas de palla ardendo 

Noutros lugares facían o que se chamaban bólas de coaño -restos de palla que sobraba das mallas-, ás que se prendía lume antes de botalas a rodar por unha ladeira abaixo. Outros veciños debían intentar parar esas bolas ardentes. As tradicións locais de entroido, aínda que son moi pouco coñecidas, foron recollidas parcialmente nalgunhas publicacións polo escritor Jesús Alfonso Parada Jato e o músico Xosé Lois Foxo, ambos naturais do municipio. «Pero aínda hai moitas cousas que recuperar e pensamos seguir investigando entre os veciños que poden recordar e describir estas tradicións», agregan os promotores do proxecto. 

Celebracións en Folgoso, Seoane e outras catro localidades entre sábado e domingo 

As actividades previstas para fin de semana no Courel comezarán ás cinco da tarde do sábado. A organización desta primeira xornada corre a cargo da anpa do colexio Poeta Uxío Novoneyra. Haberá un desfile de felos e xardoeiros, a queima dun boneco coñecido como meco, unha chocolatada e actuacións musicais. 

O domingo, as actividades serán organizadas polos demais participantes no proxecto de recuperación do entroido e comezarán ás doce do mediodía en Seoane, onde esa xornada é día de feira. Durante a mañá haberá un pasarrúas na feira e pola tarde haberá visitas dos personaxes típicos do entroido - felos, xardoeiros, mochileiros, señoritas e tiseireiros- en diversas localidades da parte norte do municipio. A comitiva pasará ás por 16.00 horas por Millares; ás 18.00 horas por Vilela; ás 19.00 por Noceda e ás 20.00 por Teixeira. 

Outras localidades 

A intención das colectivos e dos veciños que promoven a recuperación deste festexo tradicional é levar estas visitas ás demais localidades do municipio durante os próximos anos. O Concello do Courel, por outro lado, colaborou cedendo o local social de Seoane para elaborar as máscaras e dos disfraces dos personas típicos do entroido, que foron preparadas seguindo as indicacións das personas que recordaban o seu aspecto e as súas características, xa que non se conservan documentos gráficos da época en que o entroido aínda estaba vivo. 


Os disfraces dos personaxes típicos do entroido do Courel foron recuperados grazas ás indicacións dos veciños de maior idade