miércoles, 6 de marzo de 2019

Folgoso do Courel, concello piloto do Plan de recuperación dos soutos tradicionais

No concello xa se desenvolve unha actuación de recuperación e posta en valor dos seus soutos tradicionais, na que a Xunta inviste máis de medio millón de euros.

Visita Folgoso do Courel / Consellería do Medio Rural

As dúas primeiras fases do Plan xa están executadas, trátase da diagnose, elaboración dos traballos topográficos e redacción dos proxectos de obra e, en segundo lugar, a execución das obras principais que incluían a roza das parcelas e a execución dos camiños de acceso e interiores. A terceira fase, que xa comezou, consiste na posta en cultivo dos castiñeiros, coa súa poda sanitaria e loita biolóxica, a mellora dos camiños de acceso e a roza dos soutos.


En liñas xerais, o Plan suporá a identificación e a caracterización dos soutos ata a implantación dun modelo de aproveitamento da castaña, de forma que a súa transformación se faga nas propias zonas produtoras, mantendo sempre a propiedade dos terreos nos habitantes das aldeas e procurando fórmulas de tipo cooperativo ou asociativo para a súa xestión conxunta. Esta iniciativa impulsará, ademais, a especialización do turismo arredor da actividade económica de explotación da castaña.

As intervencións en Folgoso servirán de modelo para actuar nos soutos repartidos por toda Galicia, que abranguen entre 25.000 e 30.000 hectáreas, das cales case 2.700 se sitúan en Folgoso do Courel, con arredor de 45 soutos. Deste xeito, remarcou o conselleiro, “queremos que o rural sexa o motor do crecemento da Galicia que vén”, cunha aposta polo rural competitivo, promocionando a súa actividade económica e facendo da cadea produtiva un éxito para todos os seus compoñentes.

Este mesmo mes reunirase, por primeira vez, dende a súa constitución, a Mesa da Castaña, órgano asesor de carácter consultivo que se creou para favorecer a produción deste froito e defender o sector.

O Conselleiro de Medio Rural, José González, visitou, ademáis de Folgoso do Courel, o concello de Sober, onde coñeceu o resultado doutro proxecto executado pola Consellería do Medio Rural, a recuperación de preto de 30 hectáreas de terreo na parroquia de Santa María de Proendos. Cun investimento de 65.000 euros e un ano e medio de traballo, lográronse recuperar 23,4 ha de superficie, que se incorporaron ao Banco de Terras de Galicia e que agora se destinarán a dúas explotacións, unha de gando vacún e outra de cereal e horta. Deste xeito, conseguiuse ao mesmo tempo outro reto, mellorar a base territorial destas empresas rurais.