jueves, 2 de junio de 2016

Dúas décadas de filmografía crecente sobre O Courel

A serra está presente de diversas formas nunha decena de filmes de ficción e documentais realizados desde 1997
FRANCISCO ALBO quiroga / la voz, 02 de junio de 2016. Actualizado a las 05:00 h.

O próximo día 24 está previsto proxectar na Seara a longametraxe documental que o cineasta lucense Pepe Coira realizou recentemente sobre o proceso de rehabilitación urbanística desta localidade quiroguesa. A obra, titulada A Seara, vén incrementar a filmografía relacionada coa Serra do Courel, que ata agora conta apenas cunha decena de títulos. A cifra pode parecer importante en relación con outras zonas do sur lucense e do resto da provincia, pero tamén podería ser considerada como escasa tendo en conta as amplas posibilidades deste territorio no que respecta ás paisaxes e aos seus valores naturais e culturais.

Por agora non se filmou na serra ningunha longametraxe de ficción, pero si algunhas obras breves de carácter artístico. Unha iniciativa pioneira neste terreo é a curtametraxe Isolina do Courel, realizada por Chema Gagino e estreada en 1997. O filme recibiu ese ano os galardóns á mellor curta e á mellor dirección de produción nos premios da Asociación Galega de Produtoras Independentes e obtivo tamén unha mención especial do xurado no Festival Internacional de Cine de Bilbao. Conta a historia dun home que chega a unha aldea do Courel para cumprir un desexo que lle pediu o seu avó antes de morrer: pedir perdón a Isolina, unha muller que o avó prometera desposar e que despois abandonou.

Poucos anos despois, no 2000, o realizador monfortino Manuel Valcárcel filmou na localidade de Froxán a curtametraxe O aquelarre, sobre un guion de Paula Celtia baseado nunha lenda popular. Seis anos máis tarde, Xosé Vilaboy realizou Danza na terra, un peculiar espectáculo de videodanza que ten por escenario unha aldea case despoboada da serra.

Ficción experimental

Máis singular aínda é Esliva, de Lois Patiño, o primeiro filme da produtora monfortina Amanita Films. Trátase dunha curtametraxe de ficción experimental que mostra a a vida dun ermitán errante «en diálogo coa naturaleza por medio do ritual e a premonición», segundo explica o autor na súa web. Foi rodada no outono do 2010 na fervenza de Vieiros e outras paraxes da zona e no ano seguinte exhibiuse nos festivais Off Galicia e Cineuropa ?en Santiago?, Xociviga ?O Carballiño? e Souvenirs from Earth, na cidade alemá de Colonia.

Exceptuadas estas producións, o resto dos filmes realizados ata agora na Serra do Courel entran na categoría do documental. Entre os que conseguiron unha maior repercusión está Unha lousa sobre O Courel, do 2008, realizado por Enrique Banet e producido pola actriz Mabel Rivera. É unha obra que examina de forma moi crítica o impacto ambiental das explotacións pizarreiras e avoga pola transformación deste territorio nun parque natural.

O mencionado Manuel Valcárcel é tamén o autor da longametraxe documental Tempo, unha obra de complexa elaboración que foi filmada durante dun ano enteiro, entre o 2012 e o 2013. O eixo argumental é o primeiro ano de vida de Clara, o primeiro bebé nacido en case tres décadas na aldea de Froxán. O filme ?desprovisto de comentarios ou entrevistas? recolle a vida cotiá dos habitantes e as transformacións das paisaxes da serra co paso das estacións ao longo de todo ese período.

No 2013, por outro lado, apareceu Uxío Novoneyra: Poeta/Alén, un documental biográfico de Iván López Gimeno sobre o coñecido escritor, no que ?como é lóxico? a súa terra natal ten unha importante presenza. A realizadora Diana Toucedo filmou tamén no Courel un documental de longa duración, Trinta lumes, que aborda a forte despoboación do territorio. A obra foi realizada co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais e aínda está en fase de posprodución.

A escenografía de «O Apóstolo»

Un caso singular da relación da Serra do Courel co cine é o da longametraxe de animación O apóstolo, realizada por Fernando Cortizo no 2012. A acción non está situada explicitamente na zona, pero a súa escenografía está baseada na arquitectura tradicional local. Os propios responsables da obra recoñeceron esta influencia estética ao ceder ao museo etnográfico de Quiroga unha boa parte das maquetas que foron utilizadas na filmación.